Contrabaixo

Contrabaixo. 
Nome. Castelán: contrabajo. Italiano: contrabasso. Francés: contrebasse. Inglés: Double bass. Alemán: contrabass.
Familia. Corda fretada.
Como é?  Ten unha forma moi similar á da viola, violonchelo ou a do violín, agás os seus ombreiros caídos, o seu fondo plano, a parte superior orientada cara ao mango e o seu pouco pronunciado adelgazamento central que son características da viola de gamba (viola de perna). O resto do instrumento consiste no mesmo que o violín, a viola e o violonchelo. A súa caixa está composta polo mencionado fondo e a tapa, unidos polo aro que dá as curvaturas. No aro está suxeita a pica, cuxa función é o apoio do instrumento no chan. Enriba da pica, sobre a tapa, atópase o cordal, que sostén as cordas. Case ao medio da caixa está a ponte que sostén no alto as cordas e así adecualas á posición do diapasón que se atopa no mastro cun ángulo cara atrás. A ambos os dous lados da ponte atópanse "as efes" características do violín. O diapasón está ao longo do mastro e non presenta trastes. Termina no caravilleiro coa súa forma de caracol na punta chamada voluta. O caravilleiro é mecánico debido a que as cordas tan longas e grosas do contrabaixo non son aptas para o sistema de caravillas. Finalmente, tal como nos seus familiares, o contrabaixo presenta no seu interior, a barra harmónica e a alma, que son estruturas responsables do son especial do instrumento.
Mide arredor de 1,85 m de altura. Ten catro cordas; aínda que hoxe tamén se constrúen con 5 cordas.  A pesar do que podería parecer dadas as dimensións do instrumento, o arco propio do contrabaixo é máis curto que o utilizado para violas e violíns: mide entre 70 e 72 cm. 
Como produce o son? Produce o son mediante un arco cun feixe de fibras de pelo de cabalo tensadas, que se frega sobre as catro cordas que posúe o instrumento. No contrabaixo, moi a miudo, emprégase a técnica do "pizzicato" que consiste en tocar o instrumento cos dedos en lugar do arco. Esta técnica emprégase na música de jazz, rock e pop. Tócase de pé ou tamén sentado. Os pelos do arco ou os dedos producen vibracións nas catro cordas do contrabaixo ao deslizarse por elas. As vibracións transfórmanse en son ao entrar na caixa de resonancia. Para que se produzan as vibracións adecuadas, débese aplicar resina aos pelos de cabalo que contén o arco.Produce o son máis grave da familia de corda fretada.
Historia. Tamén é un instrumento que apareceu no século XVI. O contrabaixo deriva dunha combinación de elementos propios do violín e de viola da gamba. Do primeiro conserva, entre outros, as características aberturas de resonancia en forma de "f", a inclinación cara atrás do mango, o número de cordas -xeralmente catro- e a terminación en voluta do caravilleiro. De viola da gamba, o contrabaixo herdou o corpo con ángulos discretos, o adelgazamento central e os ombreiros caídos.
O seu gran tamaño e as súas grosas cordas de tripa facíano pouco manexable. Posteriormente cando se conseguiron unhas cordas máis finas posibilitou  a redución do tamaño do instrumento e a súa manexabilidade.
Curiosidades. O tamaño si importa. Por ser un instrumento grande, o diapasón é moi longo e require que o artista aprenda a usar as súas mans cun maior desprazamento. Os que teñen as mans curtas, teñen máis dificultades.

Audición:

Partes do contrabaixo

Partes interiores e exteriores do contrabaixo

E... Aínda máis sobre o contrabaixo.
Move o contrabaixo virtual para observalo desde todos os seus lado.

....................................................

Se chegaches ata aquí fixeches méritos suficientes para un premio. Sorpréndete con esta interpretación de Stanley Clarke.